Información Xeral

O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés é un espazo natural con características biolóxicas e paisaxísticas especiais. A contorna foi dotada de dito status de protección no 1993, en virtude da Lei 4/1989 de conservación de espazos naturais e da flora e fauna silvestres.

Ademais, a UNESCO declarou o Parque do Xurés como Reserva da Biosfera no 2009.

Este parque de 20.920 hectáreas esténdese polo sur da provincia de Ourense, ao longo da fronteira con Portugal, en simetría co Parque Nacional Portugués de Peneda-Gêres. Entre as cualidades do Parque Natural destaca a súa variedade de ecosistemas: vales aluviais, bosques caducifolios, turbeiras, monte baixo e pradeira de montaña, entre outros. Así mesmo cómpre mencionar a importante cantidade de especies endémicas presentes nos seus hábitats. Ademais do seu recoñecido valor natural e paisaxístico, a zona conta cunha interesante bagaxe histórica, artística, etnográfica, gastronómica e, en xeral, humana que aumenta o valor da bisbarra.

A rede de Portas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés constitúe unha aposta polo valor da rexión mediante 6 centros de interpretación temáticos. Estes centros dan a benvida aos visitantes ofrecéndolles información e novas perspectivas sobre temas naturais e humanos da bisbarra como a etnografía, a xeoloxía, a hidroloxía, a historia e a flora.

As Portas atópanse situadas nos seis municipios que serven de entrada ao Parque Natural: Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobios, Lobeira e Muíños.

O parque

O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés é unha contorna privilexiada que pode ser gozada de diversas maneiras. Se cadra a máis común sexa a realización de rutas (a pe, a cabalo ou en bicicleta) as cales nos permiten, de xeito tranquilo e respectuoso co medio, gozar da paisaxe, da flora e da fauna do Parque e das comarcas lindeiras.

No referente á paisaxe, o Parque nos ofrece unha gran variedade de modalidades: montañas e vales, bosques caducifolios autóctonos, bosques perennes antropizados, monte baixo, pradeiras, lagos glaciais, morenas... En canto á fauna, abunda a autóctona destacando especies protexidas como a aguia real, o lobo, a londra, a lagarta ibérica ou a cóbrega viperina. A flora do parque goza da presenza de especies endémicas entre as que sen dubida destaca o lorón ou loureiro portugués (Prunus lusitánica), planta vestixial doutro período climático.

Unha boa maneira de comezar a visita ao Parque é visitar unha ou varias das súas Portas para recibir información. Na de Lobios está a sede do Parque Natural. Iso si, lembra sempre durante a túa visita respectar as indicacións do persoal do Parque e as normas do mesmo e non esquezas desfrutar da contorna con respecto e sen alterar nada.

Xeomorfología

As rochas, as estruturas e as formas que exhibe o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés son o resultado dunha longa sucesión de acontecementos xeolóxicos xerados ao longo de centos de millóns de anos. Dito proceso pon en manifesto o lento, pero inexorable, latexar do noso planeta.

Os materiais cristalinos que compoñen o substrato do Parque son rochas metamórficas, plutónicas e filonianas pertencentes á Zona de Galicia-Tras-Os-Montes do Macizo Hespérico. Estas xeráronse como consecuencia das enormes presións e temperaturas liberadas durante a Oroxénese Hercínica, iniciada a finais do Devónico pero cuxos movementos álxidos tiveron lugar durante el Carbonífero. Todas estas rochas orixinadas a grandes profundidades nas raíces daquela oroxénese, hoxe xacen na superficie dada a intensa erosión que sufriu a cordilleira desde o momento no que comenzou a emerxer -xa no Cenozoico- o antigo océano de Paleothetys. A erosión foi tan eficaz e intensa que rematou por formar unha dilatada chaira ou superficie de arrasamento tapizada por potentes, pero descontinuos, mantos de alteración.

Estes terreos aínda sufrirán outra importante etapa erosiva que chega até a actualidade. Un feito que comezou cando os seus grandes bloques, tras ser elevados polas fallas alpinas, se viron desprovistos dos seus mantos de alteración. Isto provocou que cada un dos fragmentos da antiga superficie de arrasamento que definía os seus cumios se transformasen noutras das tantas “superficies gravadas”; unha modificación que, sen dúbida, desfigura pero non impide escrutar a perfección acadada.

Para máis información visite a Porta adicada á xeoloxía, situada en Entrimo.

A Flora

A flora do Parque Natural e do seu ámbito contan cunhas 850 especies de plantas vasculares silvestres ou asilvestradas. Esta cifra representa aproximadamente 1/3 da flora de Galicia. Na Baixa Limia é imposible encontrar especies ligadas aos ecosistemas litorais así como aquelas que habitan exclusivamente sobre substratos raros, como as calcarias e serpentinas. Non obstante, case a total biodiversidade do territorio galego esta representada neste enclave.

A flora do parque é case exclusivamente silicícola, é dicir, sitúase maioritariamente sobre substratos ácidos, granitos e cuarcitas. Esta gran diversidade de substratos homoxéneos ou pouco cambiantes débese en boa medida á situación bioxeográfica deste territorio, a cabalo entre a rexión mediterranea, dominante na maior parte da Península Ibérica, e a rexión eurosiberiana, que se estende por gran parte da Europa morna e húmida.

Destacan: Carballo, cerquiño, sobreira, freixo, amieiro, bidueiro, érbedo, xestas, queiroas, toxos, acivro, caravel (Dianthus langeanus), Coxín de frade (Echinospartum ibericum), Narciso de rocha (Narcisus rupicola), Armeria humilis subsp. humilis, Galium belizianum, Armeria humilis subsp. Odorata, Xiphion boissieri, Klasea legionensis, Sedum pruinatum, Silene acutifolia, Silene marizii.

Para máis información visite a Porta de Lobios, adicada á flora autóctona.

Auga

A agua é a gran protagonista do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. É a esencia que o sostén e o renova a cada paso e a cada instante. Sen auga, o Parque converteríase nun ermo intransitable. A vida e o propio home borraríanse da vertixinosa sucesión dos seus vales e ladeiras e, con eles, os nítidos contrastes entre os agrestes cumios desolados e as terras baixas, máis amables e feraces. Non habería vertentes, nin beiras, nin quebradas. Non percibiríamos o latexar profundo da Terra nos mananciais termais de Lobios, nin o ruxe ruxe sempre tan próximo dos innumerables saltos e cascadas. A ausencia de neves, néboas, choivas e tormentas impediríanos gozar do xogo cambiante e evanescente das sombras e cores que se proxectan sobre o pano interminable das serras. Coa auga, o Parque transformase de continuo nun murmurio de silencios amigables. Sen ela, o Parque non sería máis que un perpetuo confín de soidades. Por isto a auga é a deidade do Parque, pois ela é, á fin e ao cabo, quen o prové da súa resurrección constante.

Os seu ríos e arroios divídense en tres grandes concas: a do río Barxa, a do río Deva e a principal, a do río Limia. As tres están configuradas por uns poucos ríos grandes e unha inxente cantidade de pequenos arroios con abundancia de fervenzas, típicas dos leitos de alta montaña.

Ademais existen tres encoros: o de Lindoso, o de Salas e o de Olelas. Aínda así, a maior peculiaridade das augas do Parque a configuran os seus afloramentos termais. Estes fanse presentes na contorna do municipio de Lobios, onde podemos gozar do seu balneario, e no concello de Bande, onde podemos atopar as súas piscinas termais á beira do encoro de As Conchas (xunto ao campamento romanos de Aquis Querquennis).

Para máis información visite a Porta adicada á auga, situada en Muíños, xunto ao complexo do Corgo.

Historia

A contorna do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés é tamén unha área privilexiada no que á súa historia se refire. Ao longo de toda a rexión atopamos vestixios visibles de antigos asentamentos. Algúns deles posúen forma de megálitos ou mámoas, grandes estruturas en forma de túmulos e dolmens. A súa función pérdese nas orixes dos tempos pero constitúen unha testemuña fundamental da habilidade dos antigos poboadores. Non menos interesantes resultan as reliquias da cultura castrexa, como demostra a abundancia de castros en diverso estado de conservación.

Se cadra os restos arqueolóxicos máis impresionantes son os deixados polos romanos, os cales someteron aos anteriores poboadores e se estableceron na zona. Algunhas das testemuñas da súa presenza son a calzada da Vía Nova, o campamento militar de Aquis Querquennis ou a mansio de Aquis Originis.

Do mesmo xeito outros pobos deixaron tamén a súa pegada ao seu paso pola zona. É o caso dos suevos e visigodos. Neste convulso período enmárcase a igrexa visigoda de Santa Comba de Bande, obra máis importante da arquitectura relixiosa da época medieval na rexión.

A época moderna supuxo un período de maior estabilidade e enriquecemento da bisbarra, especialmente da pequena nobreza terratenente. Testemuña disto son os numerosos pazos espallados polas bisbarras da zona, construídos neste período. Aínda así, tamén houbo conflitos como a guerra con Portugal da cal se conserva a estrutura coñecida como A Trincheira, situada ao sur de Lobios e que servía para a defensa da zona de posibles incursións portuguesas.

Do século XIX contamos con referencias a episodios vividos na bisbarra durante a Guerra de Independencia contra as tropas de Napoleón. O incidente máis coñecido tivo lugar cando as tropas do Mariscal Soult, á súa retirada de Portugal e sendo perseguidas pola alianza británico-portuguesa, pasaron polo Couto Mixto destruíndo a documentación histórica e causando numerosos estragos.

Xa entrado o século XIX produciríanse os últimos momentos do Antigo Réxime en Galicia en forma de focos de resistencia Carlista, liderados por José Benito Brandón y Elices, o cal era orixinario de Calvos de Randín.

Etnografía

A Comarca da Baixa Limia e da Serra do Xurés é un espazo rico en tradicións e cunha cultura propia e diferenciada. Isto débese a diferentes factores: ao seu carácter fronteirizo, ao seu estilo de vida a cabalo entre os vales e as serras máis agrestes e á presenza de singularidades como o Couto Mixto. Oficios antigos e case desaparecidos, unha arquitectura tradicional variada e orixinal, unha gastronomía propia e rica, un folclore valioso e antigo son so algúns dos atractivos etnográficos da rexión.

Esta enorme riqueza cultural foi estudada por un dos máis ilustres veciños da bisbarra nos seus derradeiros anos, Xocas. Pódese coñecer máis sobre a súa figura e traballos na Porta de Lobeira.

Couto Mixto

O Couto Mixto é unha entidade única que, malia ter perdido a súas características xurídicas, mantén moitas das súas tradicións. As súas difusas orixes parecen remontarse á Idade Media. As teorías son diversas pero ningunha puido ser aínda confirmada. O que si sabemos é que o Couto Mixto se configurou como unha entidade xeopolítica independente dos reinos de España e Portugal. Na práctica isto significaba que se gobernaban a si mesmos, que non contribuían con impostos a ningún outro reino e que as xustizas de Portugal e España non tiñan autoridade no seu territorio.

O Couto Mixto estaba composto por tres poboacións: Meaus, Rubiás e Santiago. Nestes terreos, durante séculos, os seus habitantes rexéronse de maneira independente. A súa maior autoridade era o xuíz do Couto, cargo electivo e temporal que á súa vez recibía a axuda doutros cargos menores, como os homes de acordo e o vigairo (xuíz eclesiástico). Ademais dispuñan dun camiño, o Camiño Privilexiado, para comerciar sen pagar impostos a ningún dos reinos lindeiros.

No século XIX o Couto Mixto integrouse en España e os seus privilexios desapareceron. Aínda así, os seus habitantes manteñen de forma simbólica moitas das súas particularidades e características.

Poden coñecer máis información sobre o Couto Mixto na Porta de Santiago.

Turismo

Os recursos turísticos da contorna do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés son enormemente variados. Ademais do propio Parque, coa súa flora, fauna, xeoloxía e espectaculares paisaxes, en toda a bisbarra abundan atractivos para o visitante. Os seus itinerarios a pé, en bicicleta ou a cabalo para gozar da historia e da natureza, as súas zonas de recreo e piscinas naturais, os xacementos arqueolóxicos como o Aquis Querquennis ou o Aquis Originis, as pintorescas vilas e aldeas, a súa orixinal gastronomía, a súa arquitectura e as súas festas son os principais encantos deste enclave. Cómpre mencionar tamén ás actividades asociadas á auga na zona. En diversos puntos da bisbarra existen zonas habilitadas para a práctica de deportes acuáticos como o piragüismo ou a vela, especialmente no Complexo do Corgo, en Muíños. Igualmente, conta con zonas para o baño nas súas espectaculares piscinas fluviais.
Non menos importante é o termalismo, dada a importante presenza de afloramentos de augas termais. Nestes lugares acondicionados para o baño termal os visitantes poderán gozar, tanto en circuítos pechados de Spa como ao aire libre, das aguas termais e altamente mineralizadas da zona.

Lobios e Os Baños (Muíños) son os puntos máis importantes da zona no que a baños termais se refire.

Todo isto vese potenciado por uns habitantes que, polo seu carácter fronteirizo e de enclave de paso, fan alarde da súa hospitalidade co visitante.

Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Rede de "Portas do Xurés"

A Rede de Portas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés está constituida por 6 centros de interpretación que dan a benvida ó visitante e ofrecen información sobre diferentes aspectos do Parque: natureza, xeoloxía, historia, etnografía...

Nesta sección encontrará información sobre o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e a Reserva da Biosfera Transfronteriza Gerês-Xurés (RBTGX), así como sobre os centros que integran a Rede de Portas.


Web das Portas Gerês-Xurés
Web do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
Get social

 

Logotipo InterregLogotipo Portas Gerés-XurésLogotipo Deputación Ourense

O PROXECTO GERÊS-XURÉS DINÁMICO ESTÁ COFINANCIADO AO 75% POLO FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL (FEDER) A TRAVÉS DO PROGRAMA INTERREG V A ESPAÑA – PORTUGAL (POCTEP) 2014-2020

Search